A Rede Galega de Quioscos puxo en marcha onte 'Lonxa de Letras', un novo proxecto que busca ofrecerlle á literatura do país un espazo de contacto diario e físico co público co obxectivo de visibilizar a creación dos escritores do país. No acto participaron José Luis Villasante Carrera, director xeral do Grupo Galega de Economía Social, da que forma parte a Rede Galega de Quioscos e os escritores Diego Ameixeiras e Francisco Castro.
'Lonxa de letras' permitirá, ademais da compra directa nos quioscos, que se poidan adquirir os libros a través da páxina web (www.lonxadeletras.com) para recollelos posteriormente no seu quiosco habitual.
Na presentación participaron diversos escritores e responsables de Xerais e Galaxia, dúas editoriais que colaboran con este proxecto. Tanto Diego Ameixeiras como Francisco Castro destacaron a importancia de que os libros en galego enchan un espazo dos quioscos. "A nosa literatura é fonte de gozo e de pracer. A nosa literatura ten que estar preto dos cidadáns e entrar nos quioscos, que están cheos de Belén Esteban", sinalou o escritor Francisco Castro.
O acto rematou, como acontece nas lonxas, cunha poxa pública dalgúns dos libros postos á venda.