A mostra 'No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro. 1911-2011', coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense, está promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, Editorial Galaxia e Fundación Penzol. Presenta en 16 paneis informativos e 8 vitrinas todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.
A parte máis identificativa da mostra –comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes- é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de 'Merlín e familia' que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.
Esta exposición itinerante xa estivo en Mondoñedo, Santiago de Compostela e Ourense. Tralo seu paso por Lugo, visitará A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido en Vigo cunha instalación que ocupará a Fundación Penzol a finais de decembro.
'No niño novo do vento' foi inaugurada polo xefe territorial de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina, Xulián Parga, en representación da Fundación Penzol, e o director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, que é un dos comisarios da mostra.