Madrid, 21 de outubro de 2014.- A Casa del Lector de Madrid acollerá hoxe mércores 22 ás 19 h. a presentación de Mar Maior, a editora da cultura galega no mundo. Trátase do novo e ambicioso proxecto da Editorial Galaxia, que con máis de 50 anos de historia e cun fondo editorial no que se atopan as obras máis representativas da literatura galega se lanza agora ao mercado global cunha coidada selección de títulos traducidos a outras linguas.
Participarán na presentación estatal do proxecto personalidades como César Antonio Molina, director da Casa del Lector; Ángel Basanta, presidente da Asociación de Críticos de España; ou María Isabel de Andrés, presidenta da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Tamén intervirán Antón Riveiro Coello, autor de Laura en el desierto; Xulia Alonso, autora de Futuro Imperfecto; e Ramón Villares, autor de Historia de Galicia e presidente do Consello da Cultura Galega. Finalmente, Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia e de Mar Maior, defenderá a importancia da cultura galega na construcción das identidades europea e latinoamericana, así como a capacidade da nosa literatura para conectar cun público global. E, unha vez concluído o acto, a música galega de orixe palestino Najla Shami interpretará uns poemas de Rosalía de Castro para o público asistente.
Mar Maior chega á Casa del Lector de Madrid despois do éxito acadado no Instituto Cervantes de Bruxelas, onde defendeu ante un nutrido grupo de personalidades que a cultura galega é unha cultura europea, conectada e comprometida históricamente na construcción de Europa, dende os cancioneiros medievais e o Camiño de Santiago ata o galeguismo da xeración Nós. O proxecto quere proxectar a cultura gallega a outras linguas e sociedades, comezando polo mundo do libro. Estamos presentes en Bruxelas e Buenos Aires e axiña chegaremos tamén a Montevideo, México, São Paulo e Salvador de Bahía. Traballamos, asimesmo, nunha liña de coedicións para o francés, alemán e inglés.
Primeiros títulos
O novo proxecto da Editorial Galaxia arrinca cunha coidada selección de textos de autores e autoras relacionados con Galicia e coa nosa cultura en Arxentina e en Brasil, xa que estes serán os primeiros espazos de actuación en América. "A oferta será sempre moi escollida", advirte Freixanes, "pero Mar Maior nace como cunha vocación aperturista, coa ambición de converterse axiña nun mar para navegar todos, en palabras do libreiro e distribuidor arxentino Danilo Albero, que participa da idea do proxecto".
Neste primeiro lanzamento para o mercado estatal, que se presenta mañá en Madrid, Mar Maior ofrecerá ao público español catro textos clásicos de Álvaro Cunqueiro El año del cometa, Flores del año mil y pico de ave, Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca e Tertulia de boticas prodigiosas; un inédito de Emilia Pardo Bazán, Cuentos para las Américas; a Historia de Galicia de Ramón Villares; e tres obras contemporáneas que teñen conquistado a crítica e o público galego e que axiña atraparán os lectores e lectoras do resto do mercado español:
• A primeira novela da xornalista Begoña Caamaño relata unha parte nunca antes contada da historia de Circe, a feiticeira, e Penélope, a esposa. Dúas mulleres poderosas que tecen a catro mans unha relación epistolar tan imprevisible como apaixonante e reescriben así a súa historia, que é a historia da cultura europea e occidental.
• Santiago de Compostela, Barcelona, Nova York e unha Europa convulsa durante a Segunda Guerra Mundial son os escenarios de Laura no deserto, unha historia sobre a memoria, a culpa, o amor e a liberdade que se fixo, entre outros, co Premio da Crítica Española 2011.
• A vida e a obra de Xulia Alonso danse cita en Futuro Imperfecto, un libro que destila sinceridade, valentía, honradez narrativa e autenticidade. Unha crónica personalísima da xeración dos 80, cos seus descubrimentos e coas súas consecuencias: o amor, a amizade, as drogas, o VIH, a SIDA… Unha historia conmovedora, única, tan grande como a vida.
Precisamente, serán Antón Riveiro Coello, Xulia Alonso e Ramón Villares os encargados de achegar as voces dos autores e autoras galegas ao sector editorial do resto do Estado, coa súa participación na festa de presentación de Mar Maior en Madrid.