O 25 de xullo de 1950 reuníase nos baixos do Hotel Compostela a asamblea que había de constituir Editorial Galaxia, daquela un núcleo de resistencia contra a ditadura, estratexia organizada para facer fronte a momentos moi difíciles para a nosa cultura, diezmada logo da guerra civil. Nas páxinas desta mesma Web (historia da editorial) poden ver os visitantes a fotografía histórica dos que alí estaban: Otero Pedrayo (presidente da nova sociedade), Manuel Gómez Román, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Manuel Beiras, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Peña Rei, Manuel Luis Acuña, Xosé Mosquera Rodríguez, Xesús Ferro Couselo, Xosé Meixide González, Luis Viñas Cortegoso, os irmáns Álvarez Blázquez…, nomes fundamentais na historia da edición e do libro galego, que iniciaba daquela unha andaina incerta, dadas as circunstancias históricas, mais xenerosa e afervoada. Tamén había representantes da emigración e do exilio, e persoas que delegaron a súa presencia por non poderen asistir. Alí estaban os principios. O xermolo do novo rexurdimento.
En 1963 volverían os exiliados, que puxeron a andar o Laboratorio de Formas do grupo Sargadelos e Ediciós do Castro. Bibliófilos Gallegos, Editorial Monterrey, Xistral… eran outros selos editoriais que por aquelas datas naceron, xunto coas editoras de América, de Buenos Aires sobre todo. Mais de todas elas, Galaxia é a que continúa. Nas nosas mans, xestores da nova etapa, na que estiveron antes personalidades como Domingo García Sabell, Marino Dónega, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares, están agora os desafíos do futuro, non menores, distintos. Nas nosas mans e nas mans críticas dos lectores, nas mans do conxunto da sociedade galega. Velaquí o galeguismo civil, o que nos sostén e alimenta. Xusta homenaxe de recoñecemento e gratitude aos que souberon sementar futuro.