Xosé Ramón Barreiro, premio Trasalba 2010

Categoría: Nova

O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) ata o pasado mes de xaneiro, é o galardoado co Premio Trasalba 2010, que concede anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento á aportación de distintas figuras á cultura galega. O premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que se celebra este domingo na casa grande de Cimadevila, en Trasalba (Ourense).
Este é un galardón que pretende recoñecer a súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega.
Traxectoria
Xosé Ramón Barreiro Fernández naceu en Riveira (A Coruña) en 1936, e na actualidade representa unha das figuras máis sobranceiras da historiografía galega contemporánea. A súa labor sempre estivo ligada á cultura de Galicia. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na USC, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia e vicerreitor.
Dende 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010, Barreiro foi presidente da Real Academia Galega (RAG), substituindo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da institución.
As achegas literarias de Xosé Ramón Barreiro abarcan diversos campos como o xurídico, o histórico e de investigación, eido no que os seus traballos se centran na historia contemporánea de Galicia. Dentro da súa actividade como investigador, merece unha mención especial a súa atención a Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG e figura sinalada no Rexurdimento galego do século XIX. Na actualidade, Barreiro prepara unha importante biografía sobre o escritor que se publicará durante este ano.
O Premio Trasalba, que acaba de recibir Barreiro, entrégase dende o ano 1983 con carácter honorífico e recompensa a labor cultural e galeguista de distintas figuras vivas ou falecidas recentemente. O pasado ano, a Fundación Otero Pedrayo otorgoulle o Premio Trasalba ao político e catedrático Xosé Manuel Beiras como recoñecemento a "toda unha vida dedicada ao galeguismo".
Outras figuras que recibiron este premio foron o actual presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, no ano 2001, Xosé Neira Vilas no 2004 ou o grupo de folk Milladoiro no 2006.

PROGRAMA DE ACTOS

9,30 HORAS
Dianas e alboradas.
10,30 HORAS
Misa votiva en memoria de Ramón Otero Pedrayo, oficiada por Xoaquín Campo Freire, párroco de Santa Uxía de Mandiá, Ferrol
11,30 HORAS
Reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo na biblioteca do Centro de Estudos Oterianos
13,00 HORAS
Acto literario no auditorio da Casa Museo.
Presentación do libro 'Poesía', de Ramón Otero Pedrayo, en edición de Xesús Alonso Montero, publicado pola Editorial Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo.
Intervén: Xesús Alonso Montero
Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández
XXVIII Premio Trasalba
Laudatio de Xosé Luís Méndez Ferrín
Presentación do libro 'Xosé Ramón Barreiro Fernández. Saber de nós'
Intervención de Xosé Ramón Barreiro Fernández
14,15 HORAS
Xantar de amizade no souto de Trasalba

Compartir na redes sociais: