Este sábado o profesor e investigador Xosé Ramón Barreiro Fernández resultou merecente do Premio da Crítica na modalidade de Investigación polo seu 'Murguía'.
O xurado, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández que actuou como secretaría, acordara declarar como finalistas as obras 'Murguía' de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia), 'Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro' de Ramón Nicolás (Xerais) e 'Artigos sobre Rosalía de Castro' de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a 'Murguía' de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.
O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.