Xosé Luís Martínez Pereiro, Premio Repsol de Narrativa Breve 2008

Categoría: Nova

A plica abriuse diante dos xornalistas na Fundación Luís Seoane da Coruña. Encargouse de facelo o catedrático da Universidade de Santiago e crítico literario, Anxo Tarrío. En opinión do xurado, trátase dun libro imaxinativo, desenfadado e culto, que o secretario do xurado relacionou coa tradición de Borges e con autores galegos como Carlos Casares ou Álvaro Cunqueiro. Componse de 45 relatos que viaxan entre a reflexión e a ficción, a imaxinación e o humor, con intelixentes doses de erotismo.

Angel Crespo, novo responsable da factoría coruñesa de Repsol YPF amosou a súa satisfacción coas convocatorias anteriores do premio e reafirmou o seu compromiso co mesmo e coa narrativa galega. De feito, nesta convocatoria, á que acudiron 32 orixinais (un 64 % máis ca na convocatoria anterior), a dotación ascende a 9.000 euros.

Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, salientou a colaboración entre a sociedade civil (a iniciativa das empresas privadas) e as institucións da cultura, para construir entre todos unha base social sólida para a narrativa e a lingua galega.

O libro estará nas librerías o próximo mes de novembro, segundo se anunciou na rolda de prensa, e confirmouse a iniciativa que xa se puxo en marcha na edición anterior (Así nacen as baleas, de Anxos Sumai): expositores co libro en todas as gasolineiras da compañía, ademais dos lanzamentos tradicionais nos circuitos de comercialización do libro.

Xosé Luís Martínez Pereiro (A Coruña, 1959) é autor dunha xa extensa produción literaria (teatro e narrativa), ademais de debuxante e músico. Formou parte da embaixada que representou ao humorismo gráfico galego na VIII Bienal do Humor celebrada en Cuba (1993) e participou en numerosos salóns e eventos desta especialidade. Colaborou e colabora en moi diversas publicacións, dentro e fóra de Galicia. Entre os seus libros salientan Amálgama de desquiciados (Ed. Bahía, 1992), As irmás bastardas da ciencia (Ed. Laiovento, 1999, Premio da narracións Carvalho Calero) e Breviario de calamidades (Espiral Maior). No ano 2000 esta mesma editorial publica Medición definitiva do limbo (Premio Cidade da Coruña de Literatura Fantástica).

Compartir na redes sociais: