O xurado do XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño – reunido o sábado 26 de Marzo e formado por Xiana Arias, Chus Pato e Baldo Ramos e con voz e sen voto Xermán Arias e María Casar– acordou de xeito unánime, entre os 83 orixinais presentados, concederlle o galardón á obra presentada baixo lema "FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación", do que resultou ser autor Xerardo Quintiá.
O xurado valorou a exposición da perda dun mundo de aldeas que se transforma en escritura. Unha memoria sostida no idioma dun neno que herda un lugar que se esvae. O galardón está dotado con 6.000 euros, unha obra de arte e a publicación do libro gañador. A entrega celebrarase en Sarria o 7 de Maio, durante un acto poético-musical.
"FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación" é o primeiro volume dunha triloxía que se completará cos seguintes títulos: "FORNELOS & FORNELOS, segunda fundación" e "FORNELOS & FORNELOS, terceira fundación".
Xerardo Quintiá naceu en Friol no ano 1970 e é autor, entre outras, de obras como "Finísimo po nas ás", "Un rabaño de ovellas brancas", "Ke-Tumba Ke-Tamba" ou "Poesía en ruta". En breve, da man de Editorial Galaxia, verá a luz a súa nova entrega narrativa: un libro de relatos titulado "Hotel Cidade Sur".