Xa na rúa o GRIAL 201

Categoría: Nova

Cada vez de xeito máis radical, as novas tecnoloxías veñen modificando as formas tradicionais de comunicación, produción e difusión do relato, tamén as maneiras de presentalo, distribuílo, compartilo e comercializalo. Xorden novos xeitos de comunicar e novos xeitos de abordar a relación entre creadores, mediadores, receptores no século que xa corre… Estamos diante dunha nova realidade que en certos aspectos modifica radicalmente os modelos de produción e consumo cultural, pero que non son tan novos como parece. Dende que a humanidade existe, as tecnoloxías da comunicación (alfabeto, Gutenberg, fotografía, telégrafo, cine, radio, televisión…) actúan sobre os seres humanos e as colectividades. Mesmo podemos incluír a pintura, a arquitectura, a música, o teatro… Anxo Abuín e Xosé Nogueira coordinaron un equipo de ensaístas que, dende a literatura e a comunicación, dende o audiovisual ás novas formas de negocio da cultura, abordan un tema de actualidade: os chamados Transmedia, que afecta tamén á cultura e a creatividade galega. Galicia non é unha illa. Propoñemos, xa que logo, novas achegas a unha realidade que bole arredor de nós e que tende a expresarse sobre todo no universo tecnolóxico das pantallas: dende os televisores ás computadoras persoais, as tabletas dixitais e os móbiles de última (sempre penúltima) xeración. A maiores, e sen saír deste discurso (que en certos aspectos é tan vello coma o mundo), continuamos celebrando o medio século da nosa revista e incorporamos dous novos ensaios a engadir aos que presentamos no numero 200. María M. Maceiras aborda a transición dixital na lectura de textos (e-books) mentres que Xosé Luís Franco Grande lembra as primeiras experiencias da radio en lingua galega despois da Guerra Civil: ‘Raíz e tempo’, contra finais da década dos 60. O número 201 complétase coas sección tradicionais de Creación (Berta Dávila e Xesús Constela), o Rego da Cultura (cunha memoria especial para Antonio Pérez Prado) e o Espello das Letras: crítica de libros, na que incluímos unha lembranza de Patria Arias Chachero para o grupo de creadores galegos do Café Comercial en Madrid, un ensaio de Montse Pena Presas sobre a relación de Carlos Casares co mundo da infancia e a tradución dun poema grego do século III a. C., o ‘Mimiambo’ de Herodas. No capítulo dos referentes históricos, Henrique Monteagudo recupera dous documentos do galeguismo, unha carta de Ramón Cabanillas (fillo) a Castelao dende México e o chamado Pacto da Concordia, Galeuzca 1941. Nunha liña semellante, Facundo Reyna Muniain analiza as estratexias e políticas culturais do exilio, entre 1940 e 1960, nunha institución emblemática na nosa historia: o Centro Galego de Buenos Aires. Conclúe o presente número de GRIAL cun traballo do profesor Díaz-Fierros Viqueira sobre a presenza do tren, símbolo do progreso, na obra de Curros Enríquez, e un novo ensaio de Carlos Lema, esta vez sobre "Literatura, feminismo e retórica do progreso".

Compartir na redes sociais: