As súas posibilidades como industria cultural, as súas alternativas, as súas necesidades e conquistas, as súas grandes e pequenas realidades, mesmo o seu futuro… Apuntamos, neste último número de Grial, algunhas cuestións que consideramos fundamentais, non só para o cine de noso senón para a propia cultura galega no presente. Como ben dicía Carlos Velo en 1977, "o desafío da nosa lingua e da nosa cultura é o audiovisual. Ou logramos entrar nese mundo ou esmorecemos".
Miguel Anxo Fernández, Eduardo Galán, Margarita Ledo Andión e Chano Piñeiro (traballo recuperado de 1985) abordan a cuestión dende distintas ópticas. Xosé Soutullo e Víctor F. Freixanes manteñen unha conversa con Ignacio Vilar, director de "A esmorga", e cun dos autores do filme: Antonio Durán "Morris".
Na sección de Creación recollemos textos inéditos de Begoña Caamaño, a autora de "Circe ou o pracer do azul" e "Morgana en Esmelle", que nos deixou hai pouco, e un feixe de poemas de Alfredo Ferreiro.
Henrique Monteagudo apunta unha reflexión documentada sobre a xénese de "En las orillas del Sar", o derradeiro libro de poemas de Rosalía de Castro, situándoo no contexto da obra xeral da autora. Xosé María Álvarez Cáccamo escribe sobre o poeta e amigo Xavier Baixeras, e Xavier Alcalá e Manuel Antonio Rei adiantan unha reportaxe que seguramente dará en novela: a presenza dos nazis na Patagonia e a súa relación coas colectividades galegas no sur da Arxentina nos anos inmediatamente posteriores á Segunda Guerra Mundial. Un tema apaixonante.
Cerra o número a Carta de Escocia, que asina Xoán Antón Pérez-Lema, redactada inmediatamente despois do referendo dos escoceses pola independencia, e un traballo sobre as novas linguaxes artísticas urbanas, os graffiti, centrado neste caso na cidade de Pontevedra, traballo que asina Gonzalo García Fortes.