Mañá ás 12.00h no CEIP García Barbón de Vigo terá lugar o acto de presentación da serie infantil dos Toribio. Cun contacontos para os máis pequenos e pequenas do centro celebraremos a saída novamente dos Toribios e darémoslle a coñecer a figura do escritor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Na biblioteca do CEIP García Barbón de Vigo, rodeada de pequenos e pequenas, estará Maica Álvarez que fará un contacontos sobre as cinco historias de Toribio. Casares foi un pioneiro en moitas facetas, tamén na de crear un personaxe na nosa literatura para realizar unha serie de historias, como xa había noutros sistemas literarios. El creou a Toribio, un neno de 8 anos, inventor de moitas cousas e que vive enfrontado ao temible profesor Smith.
Son unha serie de cinco contos destinada ao público máis pequeno. O primeiro título, Este é Toribio, publicouse en 1991, ano no que sairía tamén Toribio contra o profesor Smith. Despois chegarían Toribio ten unha idea, Toribio e o contador de contos e Toribio revoluciona o tráfico. O antagonista é o profesor Smith, que quere empregar os inventos no seu propio beneficio ou para facer o mal, polo que Toribio, a súa amiga Sara, o profesor Papafigovich de Moscova e o profesor Pardau de Lisboa intenrarán frealo nos seus maléficos plans.
Con moito humor, con gran fantasía e con simpáticos inventos que crean tramas e situacións divertidas, pensadas para que os rapaces e as rapaces aprendan e gocen das historias, preséntanse os Toribios.
O contacontos collerá os mellores momentos destas cinco aventuras para facer gozar ao público e tamén para darlles a coñecer a través dos seus textos a un dos grandes escritores da literatura galega e un dos primeiros en escribir para o público infantil.
Carlos Casares é este ano homenaxeado co Día das Letras Galegas e dende a Editorial Galaxia queremos difundilo entre un público, o infantil, que sempre foi unha prioridade para o escritor. Con esta reedición dos Toribio, nun formato anovado, pero mantendo as ilustacións de Penélope Ares, queremos que toda a súa obra poida estar a disposición do público.