Naquel xa afastado ano de 1988, cando esta obra de Paulo Coelho viu a luz vendéronse, só naquel ano, 27 millóns de exemplares, dato que pode dar conta aproximada da aceptación que a historia escrita polo autor brasileiro ten para tantas persoas diferentes, pois desde entón non deixou de editarse e reeditarse en practicamente todas as linguas do mundo.
Para moita xente, esta é unha obra escrita para entender a vida. O protagonista é un xeito de explorador á procura de si mesmo a través de xeografías exteriores, mais tamén interiores. A vida concibida coma unha viaxe cara a sabedoría.
Mais a historia de Santiago, o protagonista, é tamén unha fábula contemporánea que nos axuda a reflexionar arredor do que é importante e do que non o é, o que é esencial e o que é superfluo. Dalgunha maneira, Santiago é tamén o principiño que construíra maxistralmente Antoine de Saint-Exupèry.
Esta obra podemos lela na Colección Costa Oeste en tradución de Eva Lozano Carpente e Ana Belén Costas Vila.