Volve Miro Casabella

Categoría: Nova

O cantante valenciá Raimon e Miro Casabella ofreceron o pasado xoves un recital no Teatro Rosalía de Castro da Coruña que constituíu un verdadeiro acontecemento, co auditorio cheo de xente e arredor de dúas horas e media de actuación. Na colección Reportaxe de Editorial Galaxia, o escritor e historiador Xan Fraga propón unha viaxe pola biografía do músico galego e polos últimos anos do franquismo e os primeiros anos da democracia, sempre da man da crónica da canción galega.

Dende as primeiras grabacións en galego de Jacinta ou Luis Olivares, editadas por Edigsa/Galaxia, ás grabacións de Voces Ceibes (Edigsa/Xistral), o concerto de Raimon na residencia de estudantes de Santiago en 1967, a aparición do Movemento da Canción Popular, o nacemento da nova música folk, as colaboracións cos cantantes e a música portuguesa, a explosión do pop, etc., ata os nosos días, a crónica da música popular (e da "canción protesta", como se denominou durante algún tempo) é tamén a crónica dunha xeración.

Xan Fraga amosa, no libro dedicado a Miro Casabella, unha capacidade obxectiva para contextualizar os movementos sociais, artísticos e políticos. Nada se explica fóra do seu tempo. Manuel María, Alonso Montero, Lois Diéguez, Alfredo Conde, Xavier Alcalá… Os compoñentes todos de Voces Ceibes… Jose Afonso, Luis Cilia, Jose Mario Branco… Raimon, María del Mar Bonet, Pi de la Serra, Paco Ibáñez, Mikel Laboa…

Entre outros documentos, o libro desenterra un informe da policía política do franquismo, datado na Coruña en 1970, no que se fai un reconto miúdo da significación deste movemento cultural (Voces Ceibes e a Nova Canción Galega), con referencias concretas ás persoas máis directamente implicadas no mesmo. Tamén se inclúen, nun CD complementario, algunhas das grabacións máis significativas de Miro Casabella.

Compartir na redes sociais: