Vigo acolle a exposición ‘No niño novo do vento’

Categoría: Nova

O pasado venres, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, o director xeral de Galaxia e comisario da exposición, Víctor F. Freixanes, o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta e o segundo tenente de alcalde de Vigo, Carlos López Font, inauguraron na Casa Galega da Cultura de Vigo a exposición itinerante 'No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-201', coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense. A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, inclúe todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.
Abriu o acto Carlos López Font quen dixo que o Concello se sentía 'encantado de que a exposición remate en Vigo, unha cidade que tanto lle debe a don Álvaro'. Ao tempo, desexoulle á nosa lingua, mil primaveras máis.
De seguido, foi Alfonso Zulueta de Haz quen glosou a figura de Cunqueiro, tan vencellada a don Paco del Riego. 'Sen o cuncurso de Francisco Fernández del Riego, Cunqueiro non tería sido un escritor en lingua galega'. Zulueta repasou a formación do mindionense, o impacto que lle produciu a visión do mapa de Fontán, ou as primeiras lecturas "que espertaron a súa capacidade fabulatriz". Recordou que para Cunqueiro 'todo era interesante porque era un home cheo de inquedanzas". Especial foi a súa análise sobre o feito de que "o realismo máxico que vai chegar a España nos anos sesenta xa fora anunciado en Merlín e Familia'.
Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e un dos comisarios da exposición, explicou que "era obrigado rematar en Vigo e na Penzol, porque aquí está a memoria de don Paco". Lembrou como "entre 1954 e 1964 vívese unha das décadas de gloria da novela galega, dende o Merlín en diante".
Pechou o acto Francisco López, director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, destacou a relevancia de que esta mostra se expoña precisamente na Fundación Penzol, "a casa na que habita o espírito do seu grande amigo Francisco Fernández del Riego, o que lle abriu a Cunqueiro o verdadeiro camiño da nosa expresión literaria". "Cunqueiro achegouse a Vigo da man de Paco del Riego, unha cidade onde asentou a súa vida, encontrou a nova galeguidade e mantivo un estreito contacto con diferentes intelectuais", engadiu.
O director xeral asegurou que a exposición No niño novo do vento "amosa dunha forma brillante a ese Cunqueiro vivo, fabulador, creador, humano, inmenso, co que nos sentimos en débeda para mantelo na actualidade neste ano do seu centenario". Asemade, Francisco López agradeceu e felicitou a todas as institucións que fixeron posible esta exposición, "porque grazas a colaboración institucional conseguimos que oito vilas galegas acolleran esta excelente mostra que durante todo ano visitaron miles de galegos".
No niño novo do vento, que estará aberta ao público ata o 8 de xaneiro, estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.
Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria. Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.
A parte máis identificativa da mostra –comisariada por María García Liñeira e Víctor F. Freixanes- é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.
No niño novo do vento xa estivo exposta en Mondoñedo (Auditorio Pascual Veiga), Santiago de Compostela (Casa da Parra), Ourense (Centro Cultural da Deputación de Ourense), en Lugo (Delegación da Xunta de Galicia), na Coruña (Sala Municipal de Exposicións do Palexco) e Pontevedra (Museo de Pontevedra) e Ferrol (Centro Cultural Carvalho Calero). Con esta cita en Vigo remata a itinerancia desta excelente mostra.

Compartir na redes sociais: