Víctor F. Freixanes presenta novela en Compostela

Categoría: Nova

Este luns, 18 de febreiro, ás 19:30h, agardámosvos na libraría Cronopios de Santiago de Compostela para asistir á presentación da nova edición de O triángulo inscrito na circunferencia, a novela de Víctor F. Freixanes que revolucionou o panorama da narrativa galego a inicidio dos anos 80. Acompañando ao autor estarán a profesora da USC Dolores Vilavedra, o escritor Daniel Asorey e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

Gañadora do Premio Blanco Amor en 1982 e do Premio da Crítica, O triángulo inscrito na circunferencia era a primeira achega novelística dun novísimo Víctor F. Freixanes, que se situaba xa naquel momento entre as figuras máis sobranceiras da literatura galega de fins do século XX. Agora, 37 anos despois, este título fundamental regresa ás librarías nunha versión revisada polo autor e confírmase como un clásico da narrativa galega contemporánea, unha das creación máis singulares da novelística das últimas décadas.
Fresco e intemporal, este é un libro fundamental na traxectoria de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega dende 2017 e exdirector xeral de Galaxia. O triángulo… inaugura unha triloxía que máis tarde se completaría con A cidade dos Césares (1993) e Cabalo de ouros (2010), e que ten como nexo común o espazo imaxinado de Vilanova de Alba, unha ensoñación literaria detrás da cal está a propia Galicia, o seu relato posible, en parte imaxinada e en parte real.

 

Compartir na redes sociais: