Verán con libros

Categoría: Nova

Lemos porque non nos chega a vida. Por iso vemos cine. Por iso soñamos aventuras. Por iso amamos que nos digan un conto. Ou dous.

Unha da queixas que máis repetimos os lectores é que non temos tempo para ler. Que queremos pero que a vida non nos permite ler todo o que quixeramos. E a vida é curta de máis para ler todo o que hai que ler. Por iso cómpre seleccionar e, agora que chega o verán, e teoricamente hai máis tempo para nós, dedicarlle tempo á lectura e, sobre todo, á lectura cos máis pequechos, que están precisados de adultos e adultas que entendan a súa necesidade.

É tempo de verán, xa que logo, de darlle ao corpo o refresco que precisa. E ese pode ter, tamén, a forma dun libro.

Daquela, que mellor que revisar algunhas das propostas que nas últimas semanas saíron do prelo da nosa editorial.

Así, para os máis pequechos da casa, poderiamos salientar títulos como o novo libro de Fina Casalderrey, 'Un can no piso', publicado na colección Os Duros, con fermosas ilustracións de Kristina Sabaite e que gravita arredor do aparente caos que algunhas familias teñen que aturar cando alguén decide traer a casa un cuadrúpedo amigo. Para cativos máis medradiños, a partir de 10 anos, Rivadulla Corcón asina 'Amar unha serea', a historia de Varucho, un simpático e singular neno que, entre outras cousas, terá que se enfrontar á cuestión sempre electrizante do descobrimento do amor.
Para un público adolescente, a nosa editorial vén de publicar, na Colección Costa Oeste, 'Menú de enganos' do sempre creativo e orixinal Manuel Núñez Singala, quen, nesta ocasión, regálanos un curioso libro de relatos nos que, segundo comamos "entrantes" ou platos máis consistentes, teremos que "dixerir" uns argumentos ou outros. Tamén, na mesma colección, Francisco Castro lévanos á Venecia do século XIII en 'O segredo de Marco Polo', protagonizada, entre outros, polo xenial mercador que a historia tan ben nos contou.
Ademais destas propostas para a xente máis moza, a nosa editorial non descoida outra clase de lecturas. Así, pode ser o verán un bo momento para nos achegar ao novo libro de Manuel Losa, 'A Galicia de Montevideo', biografía de Xesús Canabal que nos permitirá, ademais, coñecer de primeira man os avatares singulares dos galegos que tiveron que resisitir dende a Galicia Exterior americana. E sen saírnos do ámbito do ensaio, e para non esquecernos que o ano de Uxío Novoneyra aínda non concluiu, o lecer destes días semellan axeitados para coñecer mellor, da man de Antón Lopo, o libro dedicado ao poeta do Courel, 'A distancia do lobo'. E para os amantes da boa literatura universal de sempre, a recomendación mellor sería a edición, en dous volumes, dos 'Contos completos' de Edgar Allan Poe, autor esencial para entendermos a literatura do século XX e de boa parte do que levamos de XXI.
Para o lectorado adulto, Miguel Suárez Abel ensaiou unha achega aos asuntos do corazón en 'Nunca te vin chorar', novela que está a conseguir o apoio unánime da crítica. Por outra parte, un autor esencial de nós, como é Xavier Alcalá, ve boa parte da súa obra básica editada agora no noso catálogo. Velaí o caso de 'Código morse', un dos seus títulos referenciais. Finalmente, e para este tipo de público, podemos achegarnos ao novo texto de Vitor Vaqueiro, 'O soño (re)dirixido', conxunto de relatos que nos achega ao Vaqueiro máis auténtico.
No apartado de traducións, e aínda que xa foi publicada pola nosa editorial hai tempo, mais segue a ser unha das novelas máis vendidas en todo o mundo, propoñemos unha visita ás páxinas de 'A elegancia do ourizo' de Muriel Barbery, historia tamén levada ao cine e que de cada vez chega así a máis e máis xente. E como estamos de vacacións, que mellor que ler un libro que parte, precisamente, desa idea da fuxida aproveitando o tempo de lecer. Falamos de 'Unha bonita escapada' de Anna Gavalda, historia de encontros e desencontros baixo do paraugas argumental dunha cita para unha voda. E para os seareiros (que son lexión no mundo) de Kazuo Ishiguro, lembramos a recente publicación do seu 'Nocturnos', libro musical onde os haxa.
Un verán literario.
Letras ata fartar de tanta beleza.

Compartir na redes sociais: