Sen dúbida, é unha boa nova para a lingua de nós, tan necesitada de noticias esperanzadoras. Segundo os expertos das Nacións Unidas, o galego estaría a salvo, entre outras cousas, porque os nenos o aprenden como lingua nai. Este dato subliña a importancia da presenza da nosa fala nos programas educativos e como unha lingua vehicular fundamental para a adquisición do coñecemento e para a totalidade da vida.
Segundo o informe da UNESCO, no mundo hai 1500 idiomas nunha situación de serio perigo, estado no que a xuízo da UNESCO xa non habería que incluír o idioma de Galicia pois xa é posible falalo en calquera situación sen restricións. Sendo moi matizable esta afirmación é ben certo que a situación ten mellorado nos últimos tempos mais é tamén ben certo que a realidade aínda está moi afastada da desexable normalidade.
No "Atlas de Linguas en Perigo" presentado onte, no ano 2001 o galego figuraba na categoría de "idiomas en perigo". No informe actual desta edición de 2009, dispoñible na páxina electrónica www.unesco.org, sinálase que unha das explicacións da melloría do galego reside na súa proximidade ao portugués, dato que tamén debe facernos reflexionar sobre a necesidade de estreitar as nosas relacións, de sempre tan importantes, coa lusofonía.
En calquera caso, unha boa nova para a lingua galega que cómpre, aínda que con todas as prudencias, celebrar.