O novo número da revista GRIAL xa está nas librerías galegas. Dedicada nesta ocasión á figura do recentemente finado Anxo Rei Ballesteros, chega ao público ao tempo que, como levamos xa meses facendo, pode ser descargada dende o Quiosco Dixital de ARCE ( dende o enderezo web http://revistasculturales.publidisa.com/index.aspx ) en cuestión de poucos días.
Daquela, esta publicación, que naceu hai tantas décadas como un intento de produción de cultura e de análise académica dende o galego, para poñer a nosa lingua á par das demais do mundo, entra agora, dende o novo formato electrónico, en calquera ordenador de calquera usuario que, independentemente das fronteiras ou das posibilidades de distribución, queira acceder aos seus contidos íntegros e completos.
A revista GRIAL sitúase así en primeira liña do século XXI, asumindo este novo reto editorial e comunicativo.