No seu último número a prestixiosa revista Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil deu a coñecer, como fai cada ano nesta altura, a súa Lista de Honra na que recoñece os mellores libros do ano anterior a nivel de toda España. En cada chanzo de idade un plural xurado de expertos recoñece só dez libros, de toda España e en todas as linguas, como os mellores. Nesta edición dos premios, tres volumes do catálogo de Galaxia entran na Lista de Honra.
Por unha banda, na categoría de 6 a 8 anos, o libro de Mamá Cabra, 'Xa me tardan estes Magos!', que xa foi recoñecido como o Mellor Libro Infantil e Xuvenil do ano pasado pola Asociación Galega de Editores, entra nesa selección de dez títulos, sendo o único título en galego desa lista.
No chanzo de 8 a 10 anos atopamos dous títulos en galego seleccionados, sendo un deles 'A abella abesullona', de Manuel Janeiro.
Finalmente, na selección para o público adolescente (máis de 14), volve a haber só un título seleccionado en galego, concretamente o libro de Paula Carballeira, 'O lobishome de Candeán'.
Unha boa nova e un recoñecemento, tamén da crítica especializada, a tres libros que están a gozar dun grande éxito entre os lectores e lectoras de Galicia.