Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, entre os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2013 nas modalidades de narrativae tradución atopamos dúas obras publicadas pola nosa editorial.
Concretamente, dentro dos apartados de mellor obra de ficción, Berta Dávila co seu 'O derradeiro libro de Emma Olsen' e Anxos Sumai con 'A lúa da colleita' optan ao premio final. Entre as traducións máis valoradas polos socios e socias da AELG, a de 'Ulises' de James Joyce realizada por Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo.
No vindeiro mes de Maio coñeceremos o veredicto final do colectivo literario galego sobre estas e outras obras finalistas.