Toribio é un neno de 8 anos, inventor de moitas cousas e que vive enfrontado ao temible profesor Smith. Unha serie de cinco contos destinada ao público máis pequeno.
O primeiro título, Este é Toribio, publicouse en 1991, ano no que sairía tamén Toribio contra o profesor Smith. Despois chegarían Toribio ten unha idea, Toribio e o contador de contos e Toribio revoluciona o tráfico.
O profesor Smith quere empregar os inventos no seu propio beneficio ou para facer o mal, polo que Toribio, a súa amiga Sara, o profesor Papafigovich de Moscova e o profesor Pardau de Lisboa intenrarán frealo nos seus maléficos plans.
Con moito humor, con gran fantasía e con simpáticos inventos que crean tramas e situacións divertidas, pensadas para que os rapaces e as rapaces aprendan e gocen das historias, preséntanse os Toribios. Agora reedítanse cun formato anovado e coas ilustacións de Penélope Ares.
O seu autor é Carlos Casares (Ourense, 1941 – Vigo, 2002), un dos máis grandes narradores galegos. Comezou como escritor cun libro de relatos na década de 1960, Vento ferido, ao que seguiron moitas máis obras entre elas novelas tan coñecidas como Ilustrísima, Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán. Carlos Casares non só escribiu para adultos, naquel momento non había libros infantís en galego e a súa preocupación era que os nenos e as nenas puidesen ler na súa lingua, polo que traduciu contos doutras linguas ao galego, como O principiño, e soñou os libros infantís e xuvenís galegos do futuro. Foi así como naceu A galiña azul (1968) ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973) ou O can Rin e o lobo Crispín (1983), e tamén a serie de Toribio. O seu ultimo conto foi Lolo anda en bicicleta (1996) e en todos eles está a prodixiosa fantasía de Carlos Casares.