A Semana da Música Infantil chega á súa terceira xornada, este mércores ás 19 horas cun concerto de música infantil que gravitará arredor do libro-disco de Vïctor Castro e Laura García, TAMBO, publicado por Edicións do Cumio.
Tambo é un proxecto multiformato que integra nunha soa obra aspectos musicais, audiovisuais, literarios e de expresión corporal.
Naceu dunha actividade dinamizadora da biblioteca escolar do C.E.I.P. do Carballal de Marín na que o alumnado elaborou un relato que anos máis tarde propiciaría unha irmandade co C.E.I.P. A Pedra de Bueu.
Presenta unha esencia claramente educativa.
Todo o proxecto está tinguido de transversalidade tratando valores como a conservación do medio ambiente ou a discapacidade.
Os que se acheguen pola Alameda viguesa gozarán con contos convertidos en canción, cancións mudadas a imaxes e imaxes transformadas en coreografías.
Sen dúbida un espectáculo para pequechos pero tamén para maiores que presenta tódolos ingredientes para pasalo ben coas andainas dunha tartaruga ben simpática.
A Semana da Música Infantil é unha produción da Editorial Galaxia.