Sempre Lois.
Aquel que entendeu que o amor era unha forma de salvación.
Sempre Lois.
Aquel que soñou unha literatura galega que viaxase por vieiros de modernidade, dacabalo da música, do cine, abeirado á terra, ollando o horizonte.
Sempre Lois.
Aquel que soñaba palabras como quen soña camiños de luz onde deitar versos que alumean, que dán máis luz aínda.
Sempre Lois.
Aquel que sabía que os poemas eran para reflectir a vida.
Sempre Lois.
Aquel que proclamou que a poesía era a da carne. Emparentado, xa que logo, con Whitman, co punk, co mellor das vangardas europeas. O mesmo que bebeu no rock and roll ou en Anxel Fole, sabedor que de a beleza pode expresarse de moitas maneiras.
Sempre Lois.
Aquel que fixo da escrita poética un exercicio de posta en valor do eu espido que se nos dá.
Sempre Lois.
Aquel que fuxía do exceso de ruído, e que sabía que a poesía é unha batalla que o corazón, e a razón, libran co concepto, ata exprimilo e deixalo baleiro de si mesmo para así se expresar diante dos nosos ollos.
Sempre Lois.
Aquel que declarou que tiña necesidade de sentirse "molesto e radical".
O martes conmemoramos o Día das Letras Galegas. Centrados en Lois Pereiro. Poeta inmorrente que sobrevive nesa festa da semántica que son as súas palabras inspiradas.