Semana da música infantil na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Este venres dá comezo nos xardíns da Alameda de Vigo a Feira do Libro, para a que a Editorial Galaxia preparou un completo programa de actos nos que sobrancea a Semana da Música Infantil que, dende o luns 1 ao venres 5, ás 20 horas, ofrecerá de balde ao público asistente, concertos dos principais grupos e solistas da música infantil galega.
Deste xeito, o luns 1 será o grupo Mamá Cabra quen subirá ao escenario para ofrecer o espectáculo titulado 'Ola, ola, la!'. O martes, será a oportunidade de Magín Blanco que levará ás táboas o seu programa 'A nena e o grilo nun barquiño'. 'Animais enCantadores' é o nome escolleito por Susa Herrera para o mércores. O xoves, Uxía agasallará a todos e a todas con cancións do traballo 'María Fumaça' baixo do título xenérico de 'Cantaruxa coa bruxa Maruxa'. Pecharán de novo Mamá Cabra, o venres, co espectáculo 'Bicos de música'.

Ademais desta ampla oferta para o público infantil e familiar, a Editorial Galaxia completa a súa programación cunha ampla oferta de actos literarios e unha caseta que será tamén salón social no que sentar a ler con calma.

ACTOS DE GALAXIA NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

Sábado 29 de xuño ás 20,00 h: Presentación do libro de receitas A COCIÑA DOS CUNQUEIRO. Participan: Carmen Freire, Miguel Vila, César Cunqueiro e Victor F. Freixanes.

Xoves 4 de xullo ás 20,00 h: Presentación do libro BÍCAME, FRANK de Miguel Anxo Fernández, coa participación, canda o autor, de Carlos Lema e Gustavo Garrido.

Venres 5 de xullo ás 20,00 h: Francisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello debatirán arredor do tema ‘A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria’, moderados por Ramón Nicolás.

Venres 5 de xullo ás 21,00 h: Convite a bailar: PARA QUE NINGUÉN QUEDE SEN BAILAR! OBRADOIRO DE DANZAS TRADICIONAIS. Algunhas das danzas forman parte do libro 'De roda en roda. Músicas e danzas do mundo'.

Sábado 6 de xullo ás 20,00 h: Presentación do libro BAGOA DE LÚA (primeiro tomo da triloxía fantástica AS CRÓNICAS DE LANDEREINA). Intervirán a autora, Sabela González, Ledicia Costas e Francisco Castro.

Compartir na redes sociais: