No mes de xullo a Editorial Galaxia publicaba o primeiro tomo da triloxía 'As crónicas de Landereina' de Sabela González e titulada 'Bágoa de lúa'. A pesar de ser o verán comercialmente unha época menor en vendas, este libro de debut da autora, enmarcado no xénero da Literatura Fantástica, conseguiu esgatar a súa primeira edición ao tempo que comeza a ser prescrito nalgúns centros educativos que queren coñecer o inicio da historia da amazona Berenguela.
No referencial blogue 'Trafegando Ronseis' dicíase sobre esta obra: "unha boa nova para o noso lectorado adolescente: xa temos outra triloxía fantástica, desta volta da man da editorial Galaxia. Bágoa de Lúa é a primeira entrega de 'As Crónicas de Landereina' de Sabela González. Unha novela na que me gustaría resaltar a importancia dos personaxes femininos: unha comunidade de mulleres guerreiras que son adestradas na loita e que sosteñen a tradición da Tríade; unha fundadora e unhas personaxes principais mulleres. Por fin, a muller acada importancia e relevancia neste xénero. Como boa novela deste xénero, comeza cun mapa para emprazar ao lectorado na xeografía desta nova terra que anceiamos coñecer, profundar e seguir en novas entregas (…) Unha lectura que, coido, terá grande éxito e que recomendarei, de seguro, ao meu alumnado".
Podes seguir toda a actualidade sobre o mundo de Landereina no blogue do libro ao que podes acceder dende a ligazón á dereita destas liñas.