Segunda edición para 'A lei das ánimas'

Categoría: Nova

Estes días está a chegar ás librerías do país a segunda edición da novela de Carlos G. Reigosa, 'A lei das ánimas', novela que o autor da Pastoriza centra na Santa Compaña nun novo caso do ben coñecido polas lectoras e lectores galegos, Nirvardo Castro.
Desta novela dixo o crítico literario Ramón Nicolas nas páxinas de La Voz de Galicia:
«Sorprende Reigosa nesta última novela, e non porque se recuperen nela, dun xeito un tanto secundario máis ao tempo relevante, as personaxes de Nivardo Castro e Carlos Conde […] senón e sobre todo polo atractivo exercicio, resolto con inequívoca fortuna, que supón incorporar a unha trama policial contemporánea un asunto de raigañas antropolóxicas e culturais como é o da santa compaña.»
«Máis non só, como se anuncia, esta é a novela da santa compaña, como reza no seu subtítulo. Cómpre avisar que nela circulan, cunha extraordinaria claridade descritiva, ducias de lugares, de outeiros e chairas, de vilas e aldeas, de xentes espelladas cunha verosimilitude que contribúe a que incorporemos "naturalmente" esta historia, e o que nela se conta, como nosa e ben nosa.»
«Unha proposta que debulla, con orixinalidade e engado, parte do noso ser e estar, elevando a categoría literaria unha lenda que hoxe, para algunhas xeracións, resulta algo totalmente descoñecido.»
Por outra banda, Xosé Manuel Eyré comentaba en A Nosa Terra:
«En días nos cales no imaxinario, das historias de ficción, seres suprahumanos, como os vampiros, están aí amosando a necesidade de revisar os conceptos de humanidade, do ben e do mal, o inferno e o ceo, a bondade (dun deus que a miúdo anda moi despistado) e a bondade, que os galegos resumimos tan ben nese dito: "Deus será bon, mais o demo non é malo". »
«a novela de Carlos G. Reigosa chega coa bendición das sinerxias estabelecidas na tirapuxa entre as diferentes correntes temáticas actuantes. Alén de convidar a reflexionar sobre o coidado da tradición oral, unha tradición da que, nos tempos que vivimos, a Santa Compaña xa desapareceu case por completo para moitos escolares.»
«unha novela que se le con agrado e que custa deixar»
Xa que logo, explícase perfectamente o por que deste éxito.

Compartir na redes sociais: