Recuperan a Ramón Piñeiro mirado por Casares

Categoría: Nova

Ramón Piñeiro López nace na parroquia de Armeá de Láncara en Lugo no ano 1915. Dende mozo interviu no movemento galeguista e xa en 1932, en plena II República, entra en relación con círculos galeguistas lucenses, coa que participará na fundación da Mocidade Galeguista Local.

Ao ano seguinte asiste á Asemblea do Partido Galeguista, onde establece amizade con senlleiras figuras como Otero, Alexandre Bóveda, Castelao e Gómez Román e foi secretario do comité provincial para o Estatuto de Autonomía do 36. Tras a Guerra Civil interveu na política galeguista clandestina e foi preso durante tres anos. Unha vez en liberdade e en vista das poucas posibilidades de que se produza un cambio de réxime, Piñeiro tenta unha reorganización do galeguismo en dúas frontes. Por un lado, mantén a estrutura clandestina do movemento e, por outra banda, inicia unha vía legal tendente á afirmación de Galicia como pobo nas consciencias das novas xeracións.

Coa intención de difundir a cultura participa na fundación en 1950 da Editorial Galaxia, na que traballou ata 1966, data en que se trasladou a Estados Unidos como profesor da Universidade de Middelbury. Galaxia será a empresa de difusión cultural galega máis significativa durante a posguerra e Ramón Piñeiro converterase neses anos nun "mestre espiritual" para a mocidade daquela época. En novembro de 1967 ingresa na Real Academia Galega, respondendo ao seu discurso Domingo García-Sabell

Coa restauración democrática e o inicio do proceso autonómico, o seu traballo foi de crucial importancia de cara á consecución do actual Estatuto de Autonomía, e mesmo chega a ser elixido deputado como independente nas listas do PSdG-PSOE.
En 1983 converterase, por elección dos seus membros, no primeiro presidente do Consello da Cultura Galega. En 1990 morreu en Santiago a consecuencia dunha insuficiencia hepática.

El Progreso
Domingo 22 de maio de 2005

Compartir na redes sociais: