Como todos os anos convócase o premio de Narrativa Breve Repsol que promoven a Fundación Repsol e a SXPL coa colaboración da Editorial Galaxia. O orixinal que resulte gañador será publicado pola nosa editora.
O prazo de presentación das novelas diante da Fundación Repsol estará aberto ata o vindeiro 19 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia.
Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. En 2010 o premio foi para o escritor galego, Xurxo Sierra, nacido en Caracas, pola súa obra Os Fíos, mentres que en 2011 o gañador foi Fernando Díaz-Castroverde pola súa obra de microrrelatos Microbios e outros paquidermos. O ano pasado o galardón recaeu na luguesa María López Sández por A forma das nubes.
Podes descargar as bases completas dende a ligazón á dereita destas páxinas.