Recoñecemento internacional para 'O armiño dorme'

Categoría: Nova

'O arminho dorme' –versión ao portugués do Brasil da novela O armiño dorme, de Xosé A. Neira Cruz- vén de recibir o Premio FNLIJ ao mellor libro xuvenil publicado no Brasil en 2009. Este galardón, concedido anualmente pola Fundaçâo Nacional do Livro Infantil e Juvenil do Brasil (máxima institución brasileira representativa do ámbito do libro para nenos e mozos), premia as obras que, en distintas categorías, supoñen o mellor do publicado no ano precedente a xuízo da crítica especializada brasileira.
É a primeira vez que unha obra da literatura galega é recoñecida con este prestixioso premio, equivalente no ámbito brasileiro aos premios nacionais aos mellores libros do ano.

O armiño dorme –Premio Raíña Lupa 2002, publicado por Galaxia en 2003- xa foi traducido ao catalán e castelán, ademais do portugués. Son numerosos os recoñecementos que leva recibido en todas estas linguas de recepción. A versión catalana foi destacada coa inclusión na Lista de Honra do IBBY, e a versión castelá considerada polo Banco del Libro de Venezuela como un dos 10 mellores libros xuvenís do mundo en 2006. Tamén a Internationale Jugendbibliothek de Múnic incluíu O armiño dorme na prestixiosa lista dos White Ravens, o elenco dos mellores libros infantís e xuvenís a nivel internacional.
Este novo galardón ven completar unha traxectoria internacional de O armiño dorme que sitúa esta obra entre as de máis proxección exterior da literatura galega nos últimos tempos.
A versión portuguesa da novela de Neira Cruz, publicada no Brasil por Ediçôes SM en 2009, foi traducida pola profesora Nilma Gonçalvez Lacerda, docente de literatura infantil e xuvenil na Universidade Estadual de Niteroi (Río de Xaneiro). Será precisamente en Río de Xaneiro onde teña lugar a entraga dos Premios FNLIJ, no transcurso do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil que organizada a Fundaçâo Nacional do Livro Infantil e Juvenil e que terá este ano como país convidado a Corea do Sur.

Compartir na redes sociais: