Ramón Piñeiro. Olladas no futuro

Categoría: Nova

Organizada pola Editorial Galaxia, a Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Presidencia da Xunta de Galicia inaugurouse en Lugo a máis importante exposición de todas cantas mostras durante este ano poderemos ver sobre Piñeiro e que leva o explícito título de "Ramón Piñeiro: olladas no futuro".

Ata o vindeiro 4 de xuño podemos contemplar os 18 paneis dos que consta a mostra. Arredor dunha recreación escenográfica da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, como símbolo dunha época, faise un percorrido pola vida e obra do galeguista de Láncara, así como polos principais acontecementos da Galicia do século XX. En 7 vitrinas amósanse manuscritos, obxectos, documentos persoais e algunhas mostras da inxente correspondencia que, ao longo de toda a vida, Ramón Piñeiro escriubiu e que foi parte importante do seu labor socrático a prol da recuperación da lingua e da cultura.

Completan a exposición tres pantallas de plasma na que se recollen imaxes de Piñeiro e unha base de datos multimedia para acceso de curiosos e escolares. O deseñador foi Xosé Díaz e o escenógrafo, que reconstrúe simbolicamente parte do gabinete da rúa Xelmírez, Rodrigo Roel.

Compartir na redes sociais: