A Fundación Ramón Otero Pedrayo homenaxeou o pasado domingo a Ramón Lorenzo, catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago e cofundador do Instituto da Lingua Galega, coa entrega do premio Trasalba. Lorenzo dixo sentirse moi honrado por este premio ao tempo que pediu unha revolución para a nosa lingua nun acto no que reclamou "apoiar o idioma todo o posible" para que volva coller azos. Tamén denunciou as agresións ao idioma "dos que primeiro falaron dun bilingüismo harmónico e agora dun bilingüismo cordial".
A festa literaria, celebrada en Trasalba, serviu para suliñar a súa implicación na defensa da lingua galega. Presentáronse tamén as últimas publicacións da Fundación: 'Trasalba, terra literaria. Unha viaxe a través da obra de Ramón Otero Pedrayo', e o caderno de actividades didácticas 'Na casa grande de don Ramón'.
O catedrático recolleu tamén o libro 'Ramón Lorenzo. Señor das palabras', preparado por Editorial Galaxia, coa colaboración de distintos discípulos, compañeiros, admiradores e amigos. A obra inclúe ademais, unha colección de fotos do filólogo dende a súa infancia até hoxe.
Ademais, o escultor Manuel Buciños entregoulle onte á Fundación Otero Pedrayo, presidida polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, unha réplica en miniatura da figura en bronce que realizou do histórico galeguista en 1983 e que hoxe está colocada na Praza do Correxedor en Ourense.