Na fermosa Casa das Palmeiras de Neda tivo lugar a presentación da novela gañadora do último Premio Blanco Amor, Spam de Francisco Castro, que como cada ano publica Galaxia.
Ante a presencia de autoridades coma o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xaime Bello, e representantes do Concello de Cedeira, encargado da organización do premio na súa vindeira edición, os participantes do acto salientaron a importancia da continuidade deste premio e o seu compromiso coa calidade literaria, e reclamaron un maior compromiso por parte dos concellos na organización e divulgación deste premio.
Deuse o feito curioso, que fala da vixencia temporal do premio e do seu papel destacado na carreira dos premiados, de que na sala se atopaban tres autores gañadores do Blanco Amor: Víctor F. Freixanes, que o gañou en 1981 coa súa primeira novela, O triángulo inscrito na circunferencia, Xavier Alcalá, en 1998 con Alén da desventura, e o propio Francisco Castro.
O xurado do Premio Blanco Amor, resolto o 27 de maio de 2006 en Neda, concello que se encargou este ano da organización, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente".
Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estaba composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas. O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo.