Séchu Sende xa sorprendera coa súa primeira novela, Orixe que foi merecedora do Premio Blanco Amor 2003, unha novela que no seu interior contiña en realidade, unha e máis novelas. Crítica e lectores coincidiron en apreciar un texto que, a pesar da carga irónica e da trama, detectivesca e divertida, non renunciaba, e de que maneira, á crítica social e á procura reivindicativa da liberdade.
Made in Galiza é un texto feito cos mesmos vimbios mais desta vez todo xira arredor da lingua, de nós, de nós e da lingua, e da lingua de nós. Un libro que é un mollo de relatos para obrigarnos a nos poñer diante da maneira en que nos relacionamos coa fala, co noso pobo e en definitiva, co noso mundo.
Quizais quen mellor expresou o significado deste libro foi o crítico Vicente Araguas quen dixo desta obra que estaba "moi ben escrita (cunha economía expresiva que manda nabo), reflexiva, con misturas de ensaio e ficción, que se pode ler aos poucos (tamén pouco a pouco) e aos moitos (a grandes grolos, igualmente), que divirte e conmove, que fai pensar, que -mágoa- un lamenta que remate".
Esta quinta edición vén confirmar todo isto. O éxito unánime entre os lectores e lectoras do noso país fan presaxiar, para esta obra poliédrica, que aínda vai chegar a moita máis xente.