Que o Día do Libro veña con libros en galego

Categoría: Nova

Este ano o Día do Libro cae no medio da Semana Santa, o que obriga a moitos centros comerciais e librerías a pasalo a outras datas como o 27. En calquera caso, e oficialmente falando, o Día do Libro é o 23 de abril, este sábado e, xa que logo e fieis á cita que dende hai anos mantemos, ofrecemos unhas breves suxestións de lectura relacionadas coas novidades que nos últimos meses tiramos do prelo en Galaxia. Libros para todos os gustos e tendencias.
Así, por exemplo, e para os amantes do Ensaio, dúas boas achegas poden ser os volumes 'Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro' no que Xosé Manuel Dasilva repasa eses anos da vida dun dos fundadores da nosa editorial, ou o traballo de Dolores Vilavedra, 'A narrativa galega na fin de século', na que a crítica literaria deita a súa ollada arredor de todo o acontecido no noso sistema literario nas últimas décadas.
Quizais é no apartado literario onde a oferta é meirande. E nos últimos meses vimos chegar novidades, traducións e novas edicións de libros que coñecemos ben. Así por exemplo, xa están nas librerías os tres volumes dos 'Contos Completos' de Edgar Allan Poe, ou as últimas obras de autores contemporáneos que se len ao tempo na nosa lingua que no resto, para pracer dos que entendemos que a cultura galega ten que ser e actuar con normalidade. Así por exemplo o 'Emaús' de Alessandro Baricco, ou o 'Caos Calmo' de Sandro Veronesi, ou o éxito mundial '1Q84' de Haruki Murakami,
Clásicos internacionais que tamén deixan sitio a clásicos galegos xa sen dúbidas de ningunha clase. Así, nas librerías están moi recentes novas edicións dese texto esencial na nosa literatura como é 'Dos arquivos do trasno' de Rafael Dieste ou, máis moderno pero non menos clásico xa para nós, 'Os leopardos da lúa' de Ramiro Fonte.
Da literatura galega máis recente hai textos que chegan a novas edicións a pesar do tempo xa transcorrido, como nos demostra Anxos Sumai coa terceira de 'Así nacen as baleas', ou a novela da primeira da saga de Leo Caldas, 'Ollos de auga', de Domingo Villar, ou a segunda para o 'Cabalo de ouros' de Víctor F. Freixanes, recentemente distinguido co Premio da Crítica. Outros, como 'Obediencia' de Antón Lopo, Premio García Barros do ano pasado, camiñan con pé dereito nas preferencias dos lectores e lectoras.
No ámbito infanto xuvenil é boa ocasión para agasallar aos pequechos co libro-disco de Mamá Cabra, 'Ola, ola, la!' que vén de tirar a súa segunda edición. E para os máis medrados, boa lectura para este tempo de lecer pode atoparse no libro de misterio 'As sete mortes' de Carlos Vila Sexto (merecedor hai unhas semanas do Frei Martín Sarmiento) ou o sempre interesante Jordi Sierra i Fabra que recibe a cuarta edición de 'Durmido sobre os espellos'.
En poesía, poden ser estes días de descanso intre perfecto para nos achegar ao moi galardoado 'Estremas' de Ana Romaní. Ou ao teatro, coa lectura de 'As criadas' e 'O balcón' do referencial Jean Genet.
Fóra do estrictamente literario, quizais queiramos aproveitar o tempo de lecer para amosar o noso gusto culinario. O libro 'Novas receitas da cociña de Larpeiros' de Benigno Campos, pode ser unha boa guía. Aínda que, se o que nos presta é poñernos nostálxicos, daquela haille que botar un ollo ao libro de Xerardo González Martín, 'Angel Llanos, fotógrafo' e viaxar pola historia de Vigo e de Galicia da man dunhas imaxes cheas de sabedoría.
Sen ler, ninguén vai quedar.
Feliz Día do Libro para todas e para todos.

Compartir na redes sociais: