É un tópico insistir en que un dos xeitos de coidar da nosa lingua e cultura é procurando que todos os elementos da nosa vida estean transversalmente enchoupados pola lingua. Neste sentido, adoitamos defender que unha maneira de apostar por nós, como país e cultura é apoiando o consumo en galego.
Así, foi moi grato para nós comezar a colaboración co portal Agasallo.eu: ideas para regalar en galego.
Defínense como unha plataforma en liña que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano.
A idea é permitirlle a todas as persoas que queiran facer un regalo, "buscar ideas e propostas, que pode consultar por tipo, idade da persoa á que vai destinado, prezo, etc., e atopar información completa sobre o produto e onde mercalo. Agasallo.eu non é unha tenda en liña. Dáche ideas e proposta e indícache onde as podes adquirir, mais non se venden directamente a través desta plataforma. Deste xeito, preténdese axudar a elixir agasallos e incitar que sexan en galego, visibilizar e dar a coñecer entre o conxunto da cidadanía creacións que usan a lingua galega, que a cidadanía coñeza que se poden regalar produtos no noso idioma de todo tipo e para todas as idades, incentivar a regalar filmes, libros, camisolas, discos, xogos, etc., e, en definitiva, creacións culturais galegas, e promocionar e apoiar os produtos e servizos de todo tipo, e as empresas, que usan o galego".
As propostas aparecen organizadas en nove categorías: Libros, Música, Audiovisual, Xogos, Tecnoloxía, Téxtil, Experiencias, Alimentación e Outros.
Agasallo.eu está impulsada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) que, para a súa posta en marcha, contou con colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e mantense e difúndese coa achega económica das empresas que participan incluíndo as súas propostas, como é o caso da Editorial Galaxia.
Por outra banda, aínda que pensando só nestes días de Nadal, a Xunta de Galicia preparou unha 'Guía de agasallos para a mocidade'. Segundo anuncian, "forma parte da campaña «Nadal en Rede 2013», impulsada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. É unha das accións de dinamización lingüística contempladas na Estratexia de Xuventude 2013. Unha estratexia para a mocidade galega". Na guía atópanse suxestións centradas en literatura, música, audiovisual, tacnoloxía, xoguetes, roupa, agasallos creativos, gastronomía e lecer.
Dúas boas propostas para nos guiar á hora de mercar estes días pensando en clave galega.
Podes acceder ás dúas webs dende as ligazóns que deixamos á dereita destas liñas.