O pasado venres, dentro do marco dos actos da Feira do Libro de Santiago, presentouse o libro de José Luis Iglesias Diz, 'Un pozo moi fondo'. No acto, o autor estivo acompañado por Nieves Herrero, profesora da Facultade de Filosofía e vogal de ABAGAL (Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia), e o editor Francisco Castro.
A profesora Herrero destacou a importancia deste texto para orientar ás e ós doentes e, sobre todo, ás familias, que aprenderán a coñecer a enfermidade e a saber cando hai que preocuparse. Pola súa banda, o doutor Iglesias Diz mantivo un animado coloquio, como xa sucedera na presentación de Vigo, co público asistente, que quixo coñecer da súa voz a súa experiencia clínica e recibir consellos sobre como enfrontarse a este tipo de doenzas.