Presentouse NÓMADES en Santiago

Categoría: Nova

Onte, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, o debuxante Xosé Tomás presentou 'Nómades', a súa novela gráfica centrado en historias de mulleres inmigrantes que, ademais, inicia unha colección dedicada a este xénero en Galaxia.
O autor estivo acompañado polo cineasta Jorge Coira e polo editor da novela, Francisco Castro.
Foi este último quen abriu o acto lembrando o vencello entre Xosé Tomás e Galaxia, que vén xa de moi lonxe e dun traballo moi constante que 'vai enchendo de luz as obras infantís que levamos publicando dende hai moito tempo'.
Pola súa banda, o director Jorge Coira sinalou na súa intervención as similitudes entre o traballo gráfico de Xosé Tomás e a linguaxe cinematográfica. Comentou que lle chamara moi poderosamente a atención a capacidade de Tomás para "facernos escoitar a música e cheirar os recendos que hai en moitas das historias". Concluiu sinalando a miscelánea de sentimentos de toda clase que lle provocara esta lectura.
Para rematar o acto, tomou a verba Xosé Tomás, quen comezou explicando as diferencias entre o traballo de ilustración ('explosivo, constante, a vivencia dun segundo') e a creación dunha novela gráfica, que implica, segundo o autor, entre outras cousas, 'decidir onde pos a cámara, ser quen de superar as limitacións físicas do número de páxinas e da propia páxina…'. Explicou o intenso traballo de documentación que tivo que acometer para elaborar as historias e que lle obrigou a horas e horas de conversas con esas mulleres que aparecen no libro, donas de historias espeluznantes nalgúns casos, 'máis que duras' noutros, segundo matizou. 'Todas as historias que aparecen no libro teñen algunha coñexión cun ser real físico', dixo para rematar.
Con 'Nómades' a nosa editorial inicia esta nova colección dirixida a este formato cada día máis popular. Nos vindeiros meses verán a luz novas publicacións na colección Novela Gráfica.

Compartir na redes sociais: