A undécima edición deste premio foi convocada conxuntamente por Cultura e Educación, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e por Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
No acto de presentación, nunha ateigada Libraría Pedreira, participaron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín Garcia, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, en representación de Gas Natural Fenosa, Amalia Baltar, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos M. Callón e a autora da obra, Teresa Moure.
'Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións' resultou elixida por maioría entre as 12 obras presentadas. O xurado estivo composto polo director literario de Galaxia, Carlos Lema; os profesores Ernesto González Seoane, Susana Reboreda Morillo e Anxo Tarrío Varela; e a gañadora do premio en 2009, María López Sández, coa obra 'Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio'. Todos eles resaltaron que as obras presentadas nesta edición destacaron pola súa calidade e variedade temáticas.
'Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións' realiza unha aproximación á literatura galega desde a teoría "Queer", a través dunha reflexión que trascende o literario e que ten un claro potencial para incidir no debate social en Galicia acerca do tema da reivindicación dos múltiples espazos intermedios, que teñen que ver coa homosexualidade, coa igualdade e, en especial, cos usos lingüísticos en relación co xénero.
Teresa Moure, doutora en Lingüística e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, repite como gañadora do certame, xa que gañou no ano 2004 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra 'Outro idioma é posible', e no ano 2005 resultou finalista do mesmo premio con 'A palabra das fillas de Eva'.
Amais, a escritora conta no seu currículo con importantes premios de novela, de teatro e de ensaio.
O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio nace en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
No noso blog ofrecemos, ademais, unha completa fotogalería da exitosa xornada.