Preséntase o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009

Categoría: Nova

O vindeiro luns será presentado diante dos medios de comunicación o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2009, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa e que recaeu na obra 'Domingos de calcetíns brancos' de Manuel Pérez Rúa.

O acto contará coas intervencións Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Luís Díaz, delegado xeral en Galicia de Gas Natural Fenosa; Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia; Ramón Máiz, gañador da edición de 2010, e Manuel Pérez Rúa, autor.

Tamén se presentarán as bases da convocatoria deste ano, a XI edición do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.

Neste ensaio pásase revista á xeración de 1950 que viviu o primeiro cuarto de século no franquismo e o resto en democracia, atravesando biograficamente procesos como a desagrarización e industrialización, as migracións exteriores e interiores, a urbanización intensiva, o cambio político, a incorporación social e laboral da muller, o Estado das autonomías e a integración económica, social e política en Europa. Enmarcadas en datos sociolóxicos para comprender a magnitude e o contexto das transformacións, Domingos de calcetíns brancos analiza o cambio social que supuxo a mudanza dunha cultura autoritaria, centralista, relixiosa e paternalista a outra democrática e autonómica.

As voces de trinta e un protagonistas xeracionais do cambio social, recollidas e analizadas por Manuel Pérez Rúa, interpretan os cambios dende unha cultura da austeridade ao hedonismo, da produción ao consumo, da pobreza ás clases medias, do sentido do deber á cultura do inmediato, da auga da fonte á clorada, da roupa de costureira ao prêt-à-porter, do peixe fresco ao conxelado, do galego ao castelán, do crucifixo ao agnosticismo, da casa ao piso, de comer de todo aos alimentos light.

As vivencias xeracionais son individuais pero tamén, como demostra este libro, socialmente similares, dándose unha convivencia de factores socioculturais que proviñan do Antigo Réxime e unha incipiente modernización que a partir de 1959 vai dar lugar ao maior cambio social do século XX en canto a demografía, economía, urbanismo, emprego, etc.

Compartir na redes sociais: