Presentamos os primeiros contos en galego para iPad e iPhone

Categoría: Nova

Editorial Galaxia e Perro Verde Films presentan hoxe no Foro Internacional dos Contidos Dixitais de Madrid, os primeiros cinco contos en galego preparados para ser descargados como aplicación para iPad e iPhone. Esta iniciativa, pioneira dentro da edición galega, insírese dentro do proxecto ContoPlanet froito da colaboración entre Editorial Galaxia e a tamén galega Perro Verde Films, coa colaboración tecnolóxica de Milrayas.
Dende a tenda de Apple Store poderán descargarse os contos, animados, con posibilidade de personalización, en galego, castelán e inglés, 'Puag, que noxo!' e 'Un can no piso!', de Fina Casalderrey (ilustrados por Xan López Domínguez e Kristina Sabaite), 'Quen son?', de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), 'Voces na lagoa do espantallo!¡, de Xan López Domínguez e 'Conto para non comer', de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide). Nun primeiro instante e durante un tempo promocional, Puag, que noxo! poderá descargarse de balde.
O usuario vai acceder a unha experiencia interactiva que lle permitirá ler os contos, escoitar as locucións (feita por profesionais do mundo da dobraxe galega) en tres linguas, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións.

Unha vez que o usuario acceda á librería de Contoplanet na tenda de Apple, atopará as cubertas de cinco libros da colección Árbore de Galaxia para escoller cal quere descargarse. A partir de aí, o entorno dixital, intuitivo e táctil, pasa a ser protagonista nun produto que permite comentar dende o primeiro instante as nosas sensacións, a un só toque de dedo, nas principais redes sociais (facebook, twitter… ) así como recomendacións a amigos a través de email. Por suposto, existirá tamén a posibilidade de, ao remate do conto, acceder ao catálogo da editorial para mercar o libro físico.

Algúns datos importantes.
-Todos os contos inclúen tres idiomas (galego, castelán e inglés) así como a opción de mostrar e ocultar os textos.
-Poderase ver e escoitar os contos de forma automática, como se se tratase dunha película, na que a historia vai pasando sen necesidade de tocar a pantalla.
-Tamén é posible pasar as páxinas do conto de maneira manual e gozar así con zonas táctiles interactivas, sons, efectos de paso de páxina, animacións e movementos dos personaxes en preciosos escenarios con vida propia.
-Os usuarios máis atrevidos poderán sustituir a voz do narrador pola súa propia, dedicar o conto a alguén e incluso ocultar os textos e cambiar a historia ao seu antollo, creando así o seu conto personalizado.
-Outra interesante posibilidade é a de seleccionar os textos do conto nun idioma e a narración noutro, algo fantástico para practicar e aprender idiomas.

Compartir na redes sociais: