Mañá en Santiago, nunha rolda de prensa que terá lugar ás 12:00 h na Biblioteca Novacaixagalicia, Editorial Galaxia e a produtora Pórtico presentan o libro CRIATURAS. Van intervir neste acto Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Moncho Varela, productor executivo de Pórtico, Rosa Vilas, directora da TVG, e Juan Fuentes, presentador do programa.
Xa pola tarde, ás 19:00 h, no departamento de librería de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, o mesmo Juan Fuentes vai presentar e asinar o libro a todos os que se acheguen por alí. Ao día seguinte, sábado, ás 18:00 h, serán os rapaces -e non tan rapaces!- de Ferrol os que poderán coñecer a Juan Fuentes e o libro CRIATURAS no Auditorio da Fundación Novacaixagalicia, na Praza da Constitución.
Trátase dun libro sobre as mascotas e as persoas. Un libro sobre as aventuras que animais e persoas viven xuntas. Un libro cos casos máis interesantes, divertidos e simpáticos do programa CRIATURAS da TVG.
Son moitas as historias de animaliños que todo o equipo do programa leva presenciado ao longo dos catro anos que levan traballando en CRIATURAS. Por iso neste libro fixemos unha unha selección que resultase especial, fermosa e apaixonante para quen se achegue por estas páxinas. Así que aquí vos presentamos as vinte e cinco andainas animais que nos causaron maior simpatía, as máis alegres, emocionantes, doces e abraiantes…, e das que seguro, á parte de atopar un magnífico entretemento, aprenderedes algo novo do mundo animal.