O pasado venres presentamos na Casa do Libro de Vigo a biografía, escrita polo xornalista musical Fernando Neira, 'Berrogüetto. O pulso da terra'.
No acto interviron o editor e escritor Francisco Castro, o músico de Milladoiro, Antón Seoane e o membro de Berrogüetto, Anxo Pintos.
Francisco Castro explicou a xénese do libro e as súas máis importantes características, salientando, por unha banda, o carácter referencial dentro da música galega de Berrogüetto así como a relevancia do CD e DVD en directo que acompañan á publicación.
O peso do acto recaeu sobre Antón Seoane, membro de Milladoiro e, como Anxo Pintos explicou, responsable en parte da existencia de grupos coma Berrogüetto e outros que seguiron a súa estela. Seoane foise detendo nos distintos capítulos do libro, debullando os seus contidos para insistir no feito de que estamos diante dun grupo que sempre busca ir un chisquiño máis aló nos seus seguintes traballos, donos dun perfeccionismo engaiolante.
Rematou o acto Anxo Pintos quen explicou que unha vez que leron o libro de Neira entendéronse mellor, pois son xa moitos anos traballando sen se deter a pensar na propia biografía. En nome dos outros seis músicos, celebrou esta publicación 'que serve para recapitular e así seguir facendo camiño'.
O vindeiro mércores día 30 presentarémolo na FNAC da Coruña.