Onte en Compostela, e dentro dos actos do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, presentouse en Área Central, onde o Instituto Galego de Consumo montou varios stands, un libro-álbum dixital, producido por Editorial Galaxia, que leva por título 'Area fai seis' e que está integrado dentro do proxecto educativo 'Dálle a volta'.
'Area fai seis' é un libro dixital, accesible dende a web de Consumo en breve (www.igc.xunta.es ) , escrito por Araceli Gonda e ilustrado por María Noel Toledo. Desenvolvido tecnoloxicamente por Moonbite, a confección do proxecto, a súa guionización e interactividade correu a cargo de Editorial Galaxia.
Nesta historia, cóntasenos a frustración de Area ao saber que vai cumprir seis anos e que non vai ir ao Centro Comercial nin aos pallasos nin vai recibir agasallos (porque así o pediron o pai e a nai) dos amigos. En realidade, vai recibir un agasallo moito máis importante.
O conto, totalmente interactivo con sons, animacións e outro tipo de efectos, foi ilustrado utilizando plastilina nun complexo traballo técnico. Por iso, a aplicación complétase cun apartado titulado 'Como se fixo' no que os lectores e lectoras poderán acceder, a través dunha importante galería de fotos, ao entramado íntimo do proceso de produción editorial.
'Area fai seis' intégrase no proxecto 'Dálle a volta' que contempla tamén a posibilidade de descarga do documento elaborado por Ánxeles Abelleira, e titulado 'Proxecto de educación para o consumo en educación infantil' e que vai constituirse nunha ferramenta teórica e referencial para levar a cabo os obxectivos da educación do consumidor desde as primeiras etapas de Educación Infantil.
O libro será publicado proximamente, tamén en papel e en formato álbum pola nosa editorial.