Presentado o 'Menú de enganos' de Singala

Categoría: Nova

Onte, na Couceiro de Santiago, presentouse o novo libro de Manuel Núñez Singala, 'Menú de enganos' publicado na colección Costa Oeste da nosa editorial.
O acto foi aberto polo editor do libro, Francisco Castro, quen comentou como dende o instante en que se recibira o orixinal de Singala todos se sentiron engaiolados diante da proposta. 'Un mollo de relatos que, dende a retranca, a modo de menú, fai que nos planteemos, co engano como motor, outras visións da vida'. Falou tamén da traxectoria literaria do autor tanto como literato como, sobre todo, como persoa esencial á hora de comprendermos a cuestión lingüística galega. Nese contexto hai que enmarcar a súa obra de teatro, 'Comedia bífida' e, sobre todo, 'En galego, por que non?', interesante proposta reflexiva que nos demostra como recoñecer os prexuízos lingüísticos e, sobre todo, como superalos.
Tomou despois a palabra o autor para explicar que el concibía 'a literatura como unha fonte de pracer, e xa que logo busco que o lector o pase ben co que eu escribo'. Sobre o seu 'Menú de enganos' salientou que 'o humor é o seu ingrediente fundamental, o que une todos os relatos. Isto é así porque penso que os galegos temos un sentido do humor aínda moi pouco explorado literariamente. Así que neste libro hai moitísima retranca'. Finalmente explicou que o segundo elemento a ter en conta dentro da súa nova proposta narrativa era o engano. Así suliñou que 'no libro hai personaxes que enganan a outros, personaxes que se enganan a si mesmos e outras veces son eu, como escritor, quen pretende enganar ao lector'.
O acto rematou cunha sinatura de libros dando así peche a unha xornada de amizade ao redor dun libro ben singular que, a día de hoxe, está a gozar do unánime aplauso da crítica literaria.

Compartir na redes sociais: