Presentación pública da doazón da colección arquivística de Antonio Pérez Prado á Fundación Penzol

Categoría: Nova

Este martes desenvolveranse distintos actos relacionados coa presentación pÚblica da doazón feita pola súa filla Aixa Pérez-Prado da colección arquivística de Antonio Pérez Prado (Buenos Aires, 1923-2009).

PROGRAMA DE ACTOS
12 horas
Intervención da Fundación Penzol:
– Pola Fundación Penzol: O Vicepresidente, D. Antón Vidal Andión e o Director, D. Francisco Domínguez Martínez.
– Polo Consello da Cultura Galega: O Presidente, D. Ramón Villares Paz.
– Pola Editorial Galaxia: Lerase un texto do seu Director, D. Víctor F. Freixanes, ausente por causas circunstanciais.
– Aixa Pérez-Prado doadora dos fondos de seu pai á Fundación Penzol.

19.30 horas
-Semblanza sobre a figura do médico humanista e galeguista Antonio Pérez Prado a cargo do xornalista Xan Carballa.
-Proxección da parte terceira da película-documental de Jorge Prelorán con guión de Antonio Pérez Prado 'Castelao. Biografía de un ilustre gallego' (1980).

Ambos os actos celebraranse no Salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2. VIGO).

O legado que vai depositarse consta de 113 caixas con documentos escritos e gráficos, que contribúen a achegar as inquedanzas de toda unha xeración de galeguistas. Inclúe correspondencia cos principais nomes da cultura da terra como Pousa Antelo, Darío Villanueva, Blanco Amor, Fernández del Riego, Álvarez Blázquez, Díaz Pardo, Neira Vilas, Alonso Montero, Luis Seoane ou Ramón Piñeiro, pero tamén con Julio Cortázar ou García Sabell. Asemade recolle abondosas notas mecanoscritas a Xosé Neira Vilas sobre a biografía de Blanco Amor.
Castelao é outras das figuras que se abordan nesta doazón con textos sobre a súa vida do actor arxentino Fernando Iglesias "Tacholas", estudos feitos ao redor dos seis poemas en galego de Lorca, libros ou fotografías con persoeiros como Ánxel Fole e Ramón Piñeiro en Trasalba ou con Blanco Amor, Alonso Montero, Paz Andrade, Otero Pedrayo e Franco Grande. É o resumo dun vida adicada a Galicia.

(Na foto, con Isaac Díaz Pardo)

Compartir na redes sociais: