Presentación en Vigo de "Memoria de cidades sen luz"

Categoría: Nova

Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Manuel Candelas, profesor de literatura española na Universidade de Vigo, acompañaron a autora nesta presentación na que é a súa nova cidade de acollida. Este acto enmárcase dentro do programa "Letras Vivas" da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural para promover as presentacións literarias en librerías.

Carlos Lema salientou a constante evolución da narradora, dende o premio Rúa Nova 1996 por Neve en abril, pasando polo Premio Xerais no ano 2002 e arestora o Premio Blanco Amor, o que a consolida como referencia da novelística galega contemporánea.

O profesor Manuel Candelas fixo unha profunda análise da novela, estudando os personaxes, percorrendo con eles as rúas e cidades da historia, a partires das palabras que compoñen o título: a memoria, as cidades, a luz, rematando coa preposición "sen", aparentemente insignificamente pero que resume como ningunha outra esta historia de ausencias.

Memoria de cidades sen luz é a recreación dun mundo literario que ten que ver coa Galicia moderna e urbana que empezaba a expresarse na década dos 30, que frustrou a guerra civil e continúa no exilio. A Coruña, Santiago (coa figura do editor Ánxel Casal coma un dos personaxes sobranceiros da obra), Barcelona, París, Nova York, Buenos Aires… Unha novela aberta ao mundo, que captura ao lector dende o primeiro momento e non o solta ata a derradeira das súas 344 páxinas.

Compartir na redes sociais: