Hoxe xoves, 10 de xaneiro ás 19 horas na Casa Galega da Cultura de Vigo, sita na Praza da Princesa, 2, terá lugar a presentación do libro Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, promovido pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia e patrocinado polo Concello de Vigo.
Con esta obra queremos sumarnos ás conmemoracións do Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). E nela, alén dunha sucinta biografía do intelectual galeguista, recóllense unha serie de colaboracións de persoas viguesas ou relacionadas dalgún xeito coa cidade e co personaxe, que abordan facetas salientables do homenaxeado dende o ámbito público ao máis familiar ou da amizade. A xeito de colofón, a publicación remata cunha escolma de textos do propio Francisco Fernández del Riego, que teñen como tema común a cidade de Vigo.
O acto contará coas seguintes intervencións:
1. Benvida e introdución por Alfonso Zulueta de Haz, Presidente da Fundación Penzol.
2. Semblanza biográfica de Francisco Fernández del Riego, por Xosé Luis Franco Grande.
3. Presentación do libro a cargo dunha das coordinadoras da edición, Mª Dolores Cabrera ou Malores Villanueva.
4. Clausura a cargo de Abel Caballero Álvarez, Alcalde de Vigo.