"A nosa lingua propia é un regalo para todos os galegos, e tamén é, para todos, unha responsabilidade", sinalou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), no acto de presentación do primeiro programa de actividades que a Xunta de Galicia bota a andar no marco exclusivo dos concellos, mancomunidades e deputacións que compoñen a RDL. FalaRedes presentouse onte na Cidade da Cultura de Galicia, nun acto no que o responsable da política lingüística do Goberno galego estivo acompañado por Francisco Castro, quen falou da actividade preparada por Merlín Comunicación, 'O señor das Dunas'.
Tamén estiveron presentes Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura e vicepresidente da RDL, e o escritor Xosé Neira Vilas, así como representantes políticos e técnicos das entidades locais pertencentes á RDL.
Durante a súa intervención, García dirixiuse aos responsables das tres empresas participantes e das entidades adheridas á RDL para afirmar o seu compromiso coa dinamización da lingua galega, e sinalou que con este programa a Consellería de Cultura e Educación complementa tamén "outras accións de dinamización que desenvolve en ámbitos coma o do ensino, onde actúa a través dos Equipos de dinamización da lingua galega".
'O Señor das Dunas' é unha actividade na que un actor vai narrando unha historia ao tempo que un artista gráfico a ilustra sobre area. Francisco Castro, de Merlín Comunicación, referiuse á moderna técnica de debuxo nesta actividade, dirixida a todos os públicos, que agasallará a cada participante co libro 5 contos galegos.
A actividade desenvolverase esta fin de semana en Avión ás 18:00 h, no CEIP Virxe Guadalupe.