Este xoves Iván García Campos presenta a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2010, 'O imposible de desatar'.
No acto intervirán, canda o autor, o tamén escritor e xornalista Camilo Franco, e o director literario de Galaxia, Carlos Lema.
Con 'O imposible de desatar' Iván García Campos inicia a súa andaina literaria cunha obra da que o xurado destacou a súa calidade e, sobre todo, a novidade que implica o seu xeito de contar.
Cun sorprendente xeito de narrar, Iván García Campos traza o retrato da cara oculta da sociedade actual ao ir contando a historia dunha familia normal, un matrimonio e os seus dous fillos. A súa vida no interior do piso no que residen, o ambiente e as relacións no posto de traballo, como ven aos demais e de que xeito os demais os perciben a eles. Coma nun encrucillado, en O imposible de desatar os lectores van ir compoñendo a historia dunha familia, a dunha semana da súa vida, desde o almorzo á noite, para descubrir a verdade que hai detrás dos xestos nimios e as medias palabras.