O pasado venres, na Biblioteca Nova 33, presentamos diante dos medios de comunicación, 'Criaturas', o libro que nace a partir das mellores historias protagonizadas por animais e persoas e que se emitiron no programa de mesmo nome da Televisión de Galicia.
No acto interviron Rosa Vilas, directora da TVG, Ramón Varela, de Pórtico, Víctor F. Freixanes, escritor e director xeral de Galaxia e Juan Fuentes, presentador do espazo televisivo.
Presentou o acto Víctor F. Freixanes, quen comezou celebrando a alianza coa TVG e con Pórtico, personalizados en Rosa Vilas e Ramón Varela. Sobre o libro comentou aquilo que sempre dicían os vellos sobre a importancia de lle poñer nome aos animais, "porque o nome dos animais son a alma dos mesmos" e iso gustoume especialmente nos casos que se ven no programa e que recollemos no libro.
Tomou despois a palabra Ramón Varela, director de Pórtico, quen sinalou o interesante e enriquecedor que foi 'por unha vez sair do audiovisual para ir aos textos. Foi un reto para os autores, Rocío González e Alfonso Pato. Os dous fixeron un traballo magnífico'. Sinalou que o libro, como o programa "transmite valores positivos, de bo trato, de respecto ao medio ambiente… Iso era algo moi importante para nós, os ingredientes polos que apostamos". O libro, como o programa, é de persoas e de animais, ese é o seu espírito. Agradeceu o apoio da TVG e de todo o persoal de Galaxia polo traballo e a relación, para concluir que "se Galaxia é a editorial de referencia no noso país é por algo".
Rosa Vilas, directora daTVG celebrou a feitura do libro e vaticinou que "vai ser un dos éxitos deste Nadal". Como comentaran os que a precederon, se o libro sae é por "sumar sinerxias nestes intres críticos, remando todos na mesma dirección". Tamén destacou o feito de que este tipo de libros "fomentan valores positivos" e iso é algo que tamén nos interesa como servizo público que somos.
Tralas intervencións visionáronse algúns dos casos presentes no libro. As gargalladas chegaron axiña ao ver as cousas que son quen de facer algunhas destas Criaturas ás que, como dicimos no libro, só lles falta falar.
Rematou o acto Juan Fuentes, presentador do programa. Como sempre di, empezou a sùa intervención cun "Ola criaturas". Explicou o difícil que foi escoller vinte e cinco historias das arredor de catrocentas que se teñen contado no programa. Explicou aos presentes algunhas das máis emocionantes historias que resumen a "filosofía criaturas". Comentou o privilexiado que se sinte por traballar neste programa que transmite, como o libro, sentimentos. Ao tempo, o libro "permite aprender unha chea de cousas sobre os animais, cousas curiosísimas que, ademais, fan que entren ganas de amalos máis aínda".
Pola tarde, e ao día seguinte, Juan Fuentes realizou labores de animación en Compostela e Ferrol. O sábado vindeiro será, pola tarde, na Casa do Libro de Vigo.